1 abr 2016

A Xunta entrega 60 traxes específicos para a loita contra a vespa velutina a unha vintena de GES galegos

Entregáronllos o vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante unha xornada formativa na Agasp
Rueda explicou que esta nova dotación tenta conseguir que os traballadores de emerxencias conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións
A conselleira do Medio Rural remarcou a importancia da coordinación entre as diferentes administracións e o esforzo da Xunta para facer fronte a este problema.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitaron hoxe a Academia Galega de Seguridade Pública para facer entrega de 60 traxes específicos para a loita contra a vespa velutina a 20 Grupos de Emerxencias Supramunicipais.
Os conselleiros aproveitaron a presenza dos GES nunha ‘Xornada formativa sobre o control da vespa velutina’ para facer entrega deste novo material que, como explicou Rueda, tenta conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións.
O vicepresidente incidiu na importancia da formación e de contar con equipamentos axeitados, dous dos piares para que estes grupos de emerxencias poidan ofrecer un servizo óptimo á cidadanía. “Máis preparados e equipados os GES poderán ofrecer unha mellor resposta ante calquera incidencia, especialmente na loita contra este tipo de vespa”.
Con este mesmo obxectivo, a principios desta semana entregáronse un centenar de traxes para a destrución e retirada de niños da velutina aos bombeiros galegos e está prevista unha partida similar na que se incluirá ás Asociacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos onde esta especie estea actuando ou se prevea un posible avance.
A importancia da coordinación entre administracións
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, remarcou a importancia da coordinación entre as diferentes administracións na loita contra a vespa velutina e o esforzo que está a realizar a Xunta para facer fronte a este problema.
Neste sentido, a conselleira destacou que Medio Rural retirou ou inactivou o pasado ano máis de 5.600 niños desta especie en 170 concellos. A estes habería que sumar os intervidos por outros axentes, como asociacións apícolas, concellos ou parques de bombeiros, co que o número chegaría a preto de 8.000 actuacións.
Ángeles Vázquez sinalou ademais que a Xunta entregou o pasado mes de febreiro 1.200 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos localizados en concellos nos que se detectaron niños desta vespa. E estase a reforzar este reparto ao longo da primavera, período no que as raíñas desta especie saen da época de hibernación.

0 comentarios:

Publicar un comentario