5 abr 2013

A Xunta destaca o carácter estable e a dispoñibilidade 24 horas e 365 días ao ano dos novos Grupos de Emerxencia Supramunicipais


Rueda explica que se asinarán os convenios entre Xunta, deputacións e concellos para arrincar o novo modelo coa selección e formación do persoal
O vicepresidente da Xunta visitou hoxe a base do servizo de emerxencias e Protección Civil de Brión.
Brión (A Coruña), 5 de abril de 2013.- O Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que coa posta en marcha de 25 novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) apóstase por un modelo de resposta ante as emerxencias estable e profesional, con plena disponibilidade do servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Rueda visitou esta mañá o concello de Brión para coñecer de primeira man, e xunto ao seu alcalde, José Luis García, a base do Servizo de Emerxencias e Protección Civil da localidade, que será á súa vez sede dun dos novos Grupos de Emerxencias Supramunicipal que se van poñer en marcha nos vindeiros meses e que van servir para completar o mapa de emerxencias de Galicia.
O vicepresidente e conselleiro de Presidencia destacou que en breve asinaranse os convenios entre Xunta, Deputacións e concellos para arrincar o sistema e, a continuación, levarase a cabo o proceso de selección do persoal por parte dos municipios e a formación por parte da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Xunta, Deputacións e Fegamp deseñaron de xeito conxunto o novo modelo para as emerxencias e a súa distribución, que busca a maior cobertura e a mellor atención aos galegos cando se produza unha emerxencia, e que ten coma principal novidade a posta en marcha dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, un exemplo de colaboración entre tres administracións, a Autonómica, a provincial e a local, como xa o eran os parques comarcais de bombeiros.
Este novo modelo supón unha auténtica malla de resposta ante as emerxencias e que terá en Brión a sede dun dos novos grupos, compostos por doce persoas e que, a diferenza dos Grumir, teñen carácter estable e están dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano.
Unha vez asinados os convenios para a súa implantación, os concellos poderán comezar o proceso de selección do persoal e ese persoal recibirá unha formación específica por parte da Academia Galega de Seguridade nos distintos parques comarcais que hai espallados por todo o territorio galego.

0 comentarios:

Publicar un comentario