28 ene 2013

Xunta, Deputacións e concellos colaborarán na posta en marcha de grupos de emerxencias supramunicipais

Os novos grupos completan o mapa de emerxencias cunha distribución máis racional dos recursos dispoñibles na nosa Comunidade O modelo crea unha auténtica malla que cubre todo o territorio ao sumar os 25 GES aos 25 parques comarcais de bombeiros e aos 10 parques municipais. Santiago, 25 de xaneiro de 2013.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana, e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey, deron a coñecer hoxe os novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que veñen a completar a redefinición do mapa de emerxencias de Galicia, cubrindo a totalidade do territorio galego nunha distribución máis racional de recursos. Os novos grupos de emerxencias estarán compostos por 12 efectivos, situaranse estratexicamente en 25 localidades e contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos repartidos por toda Galicia complementarán as redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil. O novo mapa de emerxencias quedará formado polo tanto por estes 25 Grupos Supramunicipais, os 25 parques comarcais de bombeiros cos que contará Galicia este ano –unha vez entre en funcionamento o de Carballiño- e os sete parques de bombeiros das grandes cidades, aos que se suman outros tres servizos municipais de bombeiros tamén xa existentes e que se potenciarán dende a Xunta. Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios, etc, todos eles coordinados dende o 112. Unha auténtica malla de seguridade A distribución dos grupos, que foi consensuada entre Xunta, Deputacións provinciais e Fegamp, tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar. Ademais, evitouse duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instalará alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local. O obxectivo da posta en funcionamento destes novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais é crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia. Un modelo que, segundo destacou Alfonso Rueda, non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións, non só entre a autonómica, as Deputacións e os concellos; senón tamén entre os propios concellos, que, na liña impulsada pola Xunta, cooperarán para ofrecer un servizo de resposta ante as emerxencias áxil, eficaz e profesional. Na mesma liña, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé na implicación de toda a Xunta na xestión das emerxencias e na importancia da colaboración entre Administracións –Xunta e concellos- en aspectos esenciais como a loita efectiva contra os lumes forestais, na que é fundamental estar todos unidos. Neste sentido, sinalou que cos novos grupos supramunicipais se redobra esforzo no traballo conxunto que se viña desenvolvendo cos municipios contra incendios forestais nos últimos anos, xa que, segundo sinalou, tamén colaborarán en labores forestais preventivos. Por último, o presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, felicitouse por ter acadado un acordo “que levaba demasiado tempo pendente na axenda política de Galicia”. “Dende o ano 2006 en que se asinou o Pacto Local, a actualización do mapa de emerxencias estaba sen acometer”, engadiu, e aproveitou recoñecer a axuda da Xunta na prestación “dunha competencia propia” como é “este servizo, ampliado agora coa prevención forestal”. Rey Varela agradeceu asemade “a capacidade de diálogo co PSOE, que compartía a necesidade de abordar esta modernización e que participou activamente para acadar un acordo satisfactorio para todos”.

0 comentarios:

Publicar un comentario