1 mar 2012

A Xunta destaca os parques comarcais de bombeiros como exemplo de prestación conxunta de servizos

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, supervisaron hoxe a actuación realizada polos membros do parque comarcal de Viveiro no simulacro de incendio que levaron a cabo no CEIP de Covas, dentro do propio municipio vivariense, e no que participaron activamente os preto de 200 alumnos e os mestres do centro.

Arias, que felicitou aos traballadores do parque de Viveiro polo seu traballo ao longo do preto dun ano de funcionamento da instalación, significou que esta dotación realizou dende a súa apertura 59 actuacións de diversa índole, 8 delas, durante os dous meses transcorridos deste 2012. O parque comarcal con base en Viveiro da servizo aos cinco concellos máis occidentais da costa de Lugo (O Vicedo, Xove, Ourol, Cervo e Viveiro) e atende directamente a unha poboación de arredor de 30.000 habitantes nun radio de case 500 quilómetros cadrados.

A delegada territorial citou precisamente o funcionamento destes parques comarcais de bombeiros como un bo exemplo de cooperación entre Administracións. “A labor contra incendios e de salvamento que prestan os consorcios comarcais representan un referente na prestación conxunta de servizos, ofrecendo a mellor resposta aos cidadáns con maior eficacia e eficiencia”, expuxo Arias, que agregou que é “unha prestación conxunta de servizos que a Xunta pretende estender a outros ámbitos e que fomentará a través das súas convocatorias de axudas e subvencións”.

Arias lembrou que a Xunta estendeu este modelo de xestión dos parques comarcais por todo Galicia, “para que todos os cidadáns poidan gozar hoxe en día do magnífico funcionamento da rede de parques comarcais”, que xa chega aos 25 na nosa Comunidade. Ademais, destacou o exemplo de lealdade institucional que representan estes parques, nos que existe unha frutífera e produtiva colaboración entre a Xunta, as deputacións e os concellos implicados.

A delegada territorial estivo acompañada durante a súa visita, ademais do director xeral de Emerxencias e Interior, polo presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro.

0 comentarios:

Publicar un comentario