17 jul 2019

Ocorreu ás 9:30 horas de hoxe na DP-1105, en Tállara, ao paso polo concello coruñés de Lousame

Os Bombeiros de Boiro e os membros do GES de Brión foron os encargados de sufocar un incendio provocado pola saída de vía dun camión que caeu por un terraplén e acabou nun regato. Ocorreu ás 9:30 horas de hoxe na DP-1105, en Tállara, ao paso polo concello coruñés de Lousame, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso.
Malia á situación na que quedou o vehículo, completamente calcinado, o condutor estaba liberado e accesible e foi evacuado polos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Clínico de Santiago consciente.
Pola súa banda, os servizos de extinción traballaron para apagar o lume que afectou algo á contorna e devorou o camión. Tamén foi necesaria a instalación de barreiras de contención no regato de Tállara para frear o derrame de combustible procedente do depósito do vehículo e tivo que intervir un equipo de limpeza e mantemento da Deputación da Coruña debido aos danos provocados na vía a causa da caída do camión.
Igualmente, o operativo completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico, os voluntarios de Protección Civil de Lousame, efectivos do servizo local de emerxencias de Boiro e o persoal do distrito forestal da zona.

0 comentarios:

Publicar un comentario