6 may 2013

A Xunta destaca a importancia da prevención e a coordinación para ofrecer a mellor resposta ante as emerxencias


Rueda presidiu a reunión da Comisión Galega de Protección Civil, onde se actualizaron os plans de emerxencia exterior de Foresa e de Punta Promontoiro
Salientou o exemplo de cooperación dos novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e avanzou que estarán plenamente operativos este verán
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión da Comisión Galega de Protección Civil, na que destacou a importancia da prevención e da coordinación entre Administracións, como os dous piares para ofrecer a mellor resposta aos cidadáns en materia de emerxencias.
Segundo explicou Rueda, ese é o obxectivo da Comisión Galega de Protección Civil, tentar adiantarse para que non se produzan as emerxencias e, en caso de ocorran, estar o mellor preparados posibles para actuar. Con ese obxectivo, hoxe actualizáronse os plans de emerxencia exterior de Foresa en Caldas e Vilagarcía e o de Punta Promontoiro, que abrangue a Reganosa e Forestal do Atlántico.
Ademais, tamén se homologaron os plans de actuación e de emerxencia para as presas do Bao (O Bolo, Manzaneda e Petín), Touro (A Estrada), Vilagudín (Meirama) e Portodemouros (río Ulla); o Plan de emerxencias municipal do Concello de Santiago; e se aprobou a actualización do plan especial de Protección Civil en caso de accidentes en transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril en Galicia, TRANSGAL.
No tocante á cooperación e a colaboración interadministrativa en emerxencias, o vicepresidente tamén quixo destacar a existencia do novo mapa de Emerxencias de Galicia, que é unha auténtica malla que cubre o territorio buscando a maior eficacia e eficiencia.
Este despregamento foi posible grazas á colaboración entre a Administración autonómica, a provincial e a local, que participan conxuntamente nos Consorcios provinciais e comarcais de bombeiros, con máis de 20 parques por toda Galicia; e agora están inmersos na posta en marcha dos novos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, GES, outros 25 equipos que abranguen varios concellos e que complementan a distribución de parques de bombeiros.
Neste sentido, o tamén conselleiro da Presidencia avanzou que xa están listos os convenios para arrancar o despregamento destes GES e que está previsto que se asinen de inmediato, para a continuación iniciar o proceso de selección de persoal, a súa formación e que estean plenamente operativos este mesmo verán.
A Comisión Galega de Protección Civil é o órgano de cooperación e coordinación das Administracións Públicas en Galicia en materia de Protección Civil, tal e como se establece na Lei de Emerxencias. Neste órgano están representantes da Administración autonómica, das Deputacións, dos concellos, de Cruz Vermella, dos bombeiros e de voluntarios de Protección Civil, entre outros. 

0 comentarios:

Publicar un comentario