21 may 2013

A colaboración entre a Xunta e os concellos contra o lume nos montes permitirá ampliar o dispositivo con ata 275 novas brigadas municipais


Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, tras reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar os traballos dun operativo que responderá ao mando único da Xunta
O Goberno galego achegará máis de 21 millóns de euros en axudas para labores de silvicultura e reforestación.
A Xunta e os concellos galegos colaborarán na loita contra os incendios forestais completando o dispositivo anti-incendios propio da Administración autonómica con ata 275 novas brigadas municipais neste verán, que responderán ao mando único do Goberno galego. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, tras reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey, para coordinar estes traballos. Unha xuntanza na que tamén participou o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.
Rosa Quintana destacou que “todos os concellos están coa mesma sensibilidade que a Xunta” para facer fronte a esta lacra e que existe unha “excelente coordinación” entre administracións. Unha coordinación que xa se veu acreditando coa formación dos grupos de Emerxencia por toda Galicia “e agora tamén coas brigadas que van facer prevención”, engadiu.
A Xunta e os municipios están a ultimar os correspondentes convenios que permitirán completar o dispositivo e que se asinarán nas vindeiras semanas. A través de cada convenio, a Administración autonómica aportará un mínimo do 75% do custe de cada brigada. A conselleira agradeceu o compromiso do presidente da Fegamp e dixo que esta colaboración “vai cambiar tamén un pouco a imaxe da ordenación do noso territorio, xa que imos tentar que todas as franxas que bordean os núcleos rurais e os núcleos urbanos se manteñan limpas”.

0 comentarios:

Publicar un comentario