10 abr 2012

Mañá entra en vigor o decreto que fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e que crea o rexistro profesional

Os socorristas deberán dispoñer tamén da correspondente habilitación profesional, o que ofrecerá unha garantía da axeitada prestación de servizos de socorrismo de calidade á cidadanía

O decreto fixa a formación mínima ca que deberán contar os socorristas galegos, e que será acreditada por medio dunha habilitación expedida pola Academia Galega de Seguridade Pública
Maña entra en vigor o decreto que fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos, e que crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia, segundo publicou hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Este decreto ten como finalidade contribuír a garantir a axeitada prestación de servizos de socorrismo en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais de Galicia, a través dunha esixencia de que os profesionais conten cunha formación mínima acreditada por medio dunha habilitación que será expedida pola Academia Galega de Seguridade Pública.

A norma establece que para o exercicio profesional do socorrismo na nosa Comunidade é preciso solicitar a inscrición no dito rexistro, dependente da Academia Galega de Seguridade Pública; e dispoñer da correspondente habilitación profesional, o que ofrecerá unha garantía da axeitada prestación de servizos de socorrismo de calidade á cidadanía.

Este decreto será de aplicación aos socorristas que exerzan a súa actividade en instalacións acuáticas, e en espazos acuáticos naturais de Galicia que, segundo a normativa vixente, teñan a obriga de ter un ou máis socorristas con titulación en materia de salvamento e socorrismo acuático, entendendo por instalacións acuáticas, as piscinas convencionais de uso público ou privado, piscinas naturais, parques acuáticos, balnearios e instalacións análogas dedicadas a actividade acuática; e por espazos acuáticos naturais, as praias marítimas e fluviais, ríos, lagos e embalses.

O Rexistro terá dúas seccións: Socorristas de instalacións acuáticas, e Socorristas de espazos acuáticos naturais. No Rexistro figurarán as persoas que o soliciten e acrediten estar en posesión da cualificación de socorrismo, e esta inscrición debe renovarse cunha periodicidade de catro anos, para o que os socorristas deberán acreditar ante a Academia -órgano do que dependerá o rexistro- ter realizado cursos de actualización da formación adquirida dunha duración mínima de catro horas sobre cada un dos módulos teórico-prácticos asociados ás unidades de competencia recollidas no decreto.

Aquelas persoas que desexen inscribirse nel deberán acreditar a cualificación profesional de socorrista acuático, sen prexuízo de que durante un prazo de cinco anos desde a entrada en vigor do decreto se podan inscribir con carácter temporal todos os que teñan unha formación dun mínimo de 80 horas realizada con anterioridade a publicación do decreto e previa homologación pola AGASP.

Máximo consenso
É de salientar que durante o proceso de elaboración do decreto que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, os representantes da Agasp reuníronse con todas as entidades e colectivos afectados pola nova regulación. Deste xeito, mantivéronse encontros con responsables da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia e coas principais empresas do sector.

Así mesmo, tamén se reuniron coa Cruz Vermella, a Asociación Española de Técnicos en Salvamento e Socorrismo Acuáticos, membros das consellerías de Traballo, Educación, Sanidade e a Secretaría Xeral para o Deporte, e representantes das universidades galegas; sempre co obxectivo de buscar o máximo consenso para a elaboración deste novo decreto que regulará o exercicio profesional dos socorristas na nosa comunidade autónoma.

Galicia conta durante os meses de verán con preto de dous mil socorristas acuáticos que se encargan de salvagardar a saúde e seguridade dos bañistas, unha labor que cobra especial relevancia nunha comunidade como Galicia, que ten nas súas praias e ríos un dos seus maiores patrimonios e que conta con 117 areais con bandeira azul.

0 comentarios:

Publicar un comentario