21 sept 2011

A beleza equina eclipsou Rañalonga


A XXIX Festa do Cabalo de Brión atraeu a miles de persoas que vibraron co espectáculo de "Chico" Ramírez. Para moitos esta non foi unha edición calquera, senón a do espectáculo e a beleza duns exemplares equinos que eclipsaron aos miles de afeccionados que este fin de semana déronse cita nos montes de Rañalonga para participar da XXIX Festa do Cabalo de Brión. Unha nova edición que non deixou indiferente a ninguén e que tivo o seu punto culminante o domingo co espectáculo de doma natural que ofreceu o mexicano Marcelino "Chico" Ramírez, un dos grandes mestres da comunicación con equinos.

"Chico" Ramírez gañouse, co seu bo humor e o seu bo facer, a simpatía dun público inicialmente escéptico. "Hai que ser firmes sempre, pero non maltratar ao animal. Ten que ser el quen elixa voluntariamente a opción que nós lle indicamos", explicou o experto. O mestre mexicano presentou o seu método Manexo natural do Cabalo diante dun gran número de afeccionados procedentes non só dde toda Galicia, senón doutras comunidades como País Vasco, Castela e León ou Asturias.

"Os cabalos teñen que recoñecer ao seu xinete como un líder e ten que haber unha xerarquía para poder ensinarlle a facer cousas", explicou Ramírez durante o espectáculo que ofreceu, que se prolongou por espazo dunha hora e no que domou e montou un cabalo que nunca fora montado.

"Chico" Ramírez dedicou a primeira hora da sesión a lograr a confíanza do equino, unha tardanza que fixo que algúns dos presentes puxesen en dúbida a validez do seu método. Pero ante o asombro xeral, o mestre fíxose co cabalo e montouse nel. A seguinte dúbida chegou dun espontáneo, que desconfiou da bravura do animal, unha bravura que comprobou por si mesmo ao dar cos seus ósos no chan e ter que ser atendido polo equipo médico.

Unha situación que fixo que o propietario do cabalo non quixese probar. "Non é o mesmo. El montou sen acariñar e para montar nesta vida primeiro hai que acariñar", chanceou o mestre mexicano, "ti estás a acariñar ao cabalo e tes sobre el unha posición de liderado, polo que poderás montalo sen problemas"

Á marxe deste espectáculo, os participantes na XIX Festa do Cabalo de Brión, aos que lles acompañou o bo tempo, gozaron ao longo do fi nde semana dun amplo programa de actividades. O certame abríao o sábado a ruta cabalar que se realizou polos montes de Rañalonga e a proba de doma e equitación, nas que participaron preto de 400 cabalos.

En total a organización repartiu máis de 4.000 euros en premios entre os participantes chegados de distintos puntos da provincia.

Tamén resultou moi vistoso o concurso de morfoloxía, e o peche de becerras, na que os equipos de xinetes seleccionaban entre as vacas marcadas cunha cor para metelas no cerco.

Tamén foi moi aplaudido o espectáculo de doma clásica, nas que un xinete mostrou as súas habilidades montado sobre un fermoso cabalo andaluz.

Na seguridade das probas participou o Servicio de Emerxencias de Brion, Voluntarios de Proteccion Civil, Policia Local e persoal sanitario.

0 comentarios:

Publicar un comentario