A Deputación de Lugo consegue que a Xunta de Galicia desbloquee o convenio dos GES e que os Concellos reciban antes de finais de ano o financiamento de todas as administracións O Goberno galego rectifica e comprométese a realizar unha addenda ó convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais, respectando as bases do proceso de selección do persoal conforme ás reclamacións da institución luguesaMalia confirmar que había graves erros na redación do convenio tal e como detectou o organismo lugués, a Xunta tardou máis de 6 meses en darlles resposta, bloqueando as achegas económicas de todas as administracións implicadas ós Concellos A petición da Deputación de Lugo, este mércores celebrouse en Santiago de Compostela unha reunión da Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais, na que participou o Deputado Provincial José Luis Raposo. No encontro, a institución luguesa conseguiu que a Xunta de Galicia desbloquee o convenio dos GES e que os Concellos reciban antes de finais de ano o financiamento de todas as administracións. A institución luguesa foi a única administración que detectou graves erros na redación do convenio de colaboración dos GES entre Xunta de Galicia, Deputacións galegas e FEGAMP. Fíxoo en maio, alertando de xeito inmediato á Xunta para a súa corrección, posto que isto impedía a aprobación definitiva do convenio e, polo tanto, realizar as achegas económicas correspondentes das administracións implicadas ós municipios. Xa en maio, a propia Xunta de Galicia confirmou a existencia destes erros, que versan sobre a localización dos grupos e a transferencia orzamentaria ós municipios. Ante esta confirmada situación, xa hai máis de 6 meses que a institución solicitou á Xunta unha addenda ó convenio para desbloquealo, na que dar solución a estes erros. Na súa resposta, que tivo lugar hai tan só 15 días, o Executivo autonómico, non só non solventou estes erros, senón que alterou os baremos para a contratación do persoal, establecendo que non era necesario o concurso oposición e fixando a selección dos traballadores só en base a un temario. É dicir, a addenda da Xunta rachaba coas bases de selección comúns acordadas por todas as administracións implicadas para garantir a igualdade de oportunidades. Hai que ter en conta que, no caso de que a addenda da Xunta fose aprobada, quedaría regularizada a situación dos Concellos de Guitiriz, que alternou as bases de selección, de Quiroga e do Courel, que realizaron concursos de méritos e non de oposicións, dos que resultaron contratados a irmá da Alcaldesa do Courel e un primo carnal do seu marido, entre outras persoas afíns ó PP. Logo de esperar máis de 6 meses, a Deputación de Lugo conseguiu que o Executivo autonómico rectificase. Deste xeito, o Goberno galego comprometeuse a realizar unha nova addenda, atendendo as cuestións da institución luguesa: as sedes dos grupos son as establecidas (A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, A Pontenova, Quiroga-Folgoso de Courel, Monterroso e Cervo); as Deputacións pagarán directamente ós Concellos; absoluto respecto ás bases de selección comúns aprobadas por unanimidade para a selección do persoal. O Goberno galego xustificou a súa prevista alteración das bases co anterior addenda, dicindo que foi un erro. A Deputación de Lugo conseguiu que a Xunta de Galicia desbloquee o convenio dos GES, que será ratificado de xeito inmediato, acadando, deste xeito, que os Concellos que cumpran co convenio reciban as achegas correspondentes de todas as administracións antes de finais de ano. Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais están financiados nun 60% pola Xunta de Galicia, nun 20% polas Deputacións galegas e nun 20% pola FEGAMP.
0 comentarios:
Publicar un comentario