26 oct 2013

Feijóo destaca o exemplo dos colectivos que colaboraron tras o accidente de Angrois porque, coa súa axuda, superaron as marxes da profesionalidade e puxeron a proba a unidade dun pobo

O titular da Xunta presidiu hoxe o acto de entrega das Distincións ao Mérito Civil aos colectivos, asociacións e organismos que cooperaron nas horas posteriores ao accidente ferroviario de Angrois.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o exemplo dos colectivos, asociacións e organismos que colaboraron tras o accidente ferroviario ocorrido o pasado 24 de xullo no barrio compostelán de Angrois, que hoxe foron condecorados coas Distincións ao Mérito Civil. O mandatario galego asegurou que, o seu traballo, superou “os estritos marxes da profesionalidade” e puxeron a proba a unidade dun pobo.
“Ninguén dos aquí presentes actuou nas estritas marxes da profesionalidade. Todos foron moito máis alá do mero cumprimento do seu deber. Actuaron como veciños, policías, voluntarios, sanitarios, pero, sobre todo, fixérono como seres humanos impulsados pola vontade do servizo aos demais”, enfatizou. Desde entón, engadiu, “Angrois é un lugar, pero sobre todo é un sentimento. En Angrois resúmese Galicia porque repartidos por toda Galicia hai moitos Angrois dispostos a responder da mesma maneira ante unha traxedia”, enfatizou. “
O presidente galego gabou os “labores cívicos admirables” dos que deron mostra nesas datas os cidadáns e profesionais dos servizos de emerxencias e sanitarios. “Ningunha lei nin ordenanza lles pedía tanto, pero había no seu interior unha forza que os obrigou a superar o cansazo, a dobregar a dor e a vencer o medo”, aseverou.
“Se loable é a instantánea reacción veciñal, produce lexítimo orgullo a actuación coordinada, eficaz, resolutiva dos servizos públicos diferentes aunados nun obxectivo común. Os profesionais e voluntarios que os forman souberon ser a prolongación da xente, e merecen por iso unha gratitude inesquecible”, remarcou.
Segundo recoñeceu, Galicia, “amosouse ao mundo como unha sociedade cohesionada que é capaz de responder ao mesmo tempo con espontaneidade e organización”, e sentiu naqueles momentos lutuosos “o amparo de toda España”. “Nunca nos sentimos sos”, apostilou.
Feijóo instou a inscribir este acto de homenaxe “con letras imborrables na historia de España e de Galicia”. A súa xesta, dixo, “queda patente nas vidas que se salvaron, nos feridos que se socorreron, nas vítimas que se consolaron. Eles nunca esquecerán o sucedido e nós temos o deber de transmitirllo ás xeracións vindeiras”, concluíu.

0 comentarios:

Publicar un comentario