21 may 2013

A Xunta destina preto de 2 millóns de euros á cesión de motobombas aos concellos para o apoio na extinción de lumes

Deste xeito o departamento que dirixe Rosa Quintana busca renovar o parque móbil de vehículos motobomba dos concellos para a mellora da eficacia do dispositivo no seu conxunto.

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina máis de 1,9 millóns de euros á cesión de motobombas aos concellos para o apoio na extinción de lumes. A través deste apoio, enmarcado no Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014, o departamento que dirixe Rosa Quintana busca renovar o parque móbil de vehículos motobomba dos concellos para a mellora da eficacia do dispositivo no seu conxunto e a resposta contra o lume. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente orde de convocatoria.
Os vehículos obxecto de cesión son de dous tipos: uns deles equipados con cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela e outros equipados con cisterna de 2.400 litros e cabina dobre. Para a cesión a Xunta prevé adquirir 14 vehículos e poderán beneficiarse deles os concellos de Galicia que estean integrados nas zonas rurais que recolle o PDRS 2010-2014 e que teñan colaborado nos nos últimos dez anos (2003-2012) coa Xunta na prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a actuación de vehículos motobomba.
Ademais deberán cumprir cos requisitos que establece a lei de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiario e co que establece o decreto que regula as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas en materia das contas xerais de cada exercicio.
Para a presentación de solicitudes da cesión de motobombas os concellos interesados disporán dun prazo dun mes contado dende mañá e poderán consultar a documentación requirida e os criterios de avaliación para a cesión dos vehículos no DOG de hoxe. A Consellería do Medio Rural e do Mar fará seguimento e control do cumprimento das obrigas da cesión.

0 comentarios:

Publicar un comentario