25 abr 2013

A Xunta avoga pola cooperación entre administracións para mellorar a eficacia na xestión das emerxencias


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron un encontro co Tenente Xeral da UME, César Muro
Rueda e Quintana eloxiaron o excelente traballo da UME en Galicia, destacando a súa profesionalidade e a súa entrega na loita contra os lumes forestais.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron un encontro co Tenente Xeral da Unidade Militar de Emerxencias, César Muro, na que destacaron a importancia da cooperación entre administracións para mellorar a eficacia na xestión das emerxencias.
Tratase do primeiro contacto persoal entre o Goberno galego e o titular da UME, despois de que este tomase posesión a finais do ano pasado. No encontro analizaron a frutífera colaboración que está a ter a Xunta coa unidade militar e avanzaron na posibilidade de seguir reforzándoa.
Neste sentido, tanto Rueda como Quintana eloxiaron o excelente traballo da unidade militar en Galicia, destacando especialmente a súa profesionalidade e a súa entrega na loita contra os lumes forestais.
Mellorar a eficacia e a resposta aos cidadáns
Rueda incidiu na importancia da cooperación entre administracións, neste caso autonómica e militar, e avogou unha vez máis pola suma de esforzos e o traballo conxunto, co obxectivo de gañar eficacia e ofrecer a mellor resposta aos cidadáns.
Precisamente, a cooperación interadministrativa é o principio que rexeu ao elaborar o novo Mapa de emerxencias de Galicia, onde colaboran as administracións autonómica, provincial e local; e esta mesma colaboración se repite nos parques de bombeiros comarcais e agora coa posta en marcha dos novos Grupos de Emerxencia Supramunicipal.
O vicepresidente autonómico destacou que estas sinerxías e esta frutífera cooperación entre Administracións dáse tamén co Estado, tal e como reflexa a reunión de hoxe coa UME e a presenza nos montes galegos dos seus membros, que son parte fundamental na loita contra os incendios e na xestión das emerxencias en xeral.

0 comentarios:

Publicar un comentario