22 nov 2012

O acordo con Ames en materia de emerxencias é consecuencia dos brutais recortes que sufrimos"

O alcalde de Brión sinala que de confirmarse a supresión de axudas, o Grumir de Brión non fará actuacións fóra do termo municipal a partir de 2013 // O rexedor proporá ao seu homólogo de Ames a sinatura dun convenio de colaboración para manter o servizo // Reunirase a vindeira semana con Santiago Amor para abordar o asunto // Denuncia os recortes por parte de Deputación, Xunta e goberno central. O alcalde de Brión proporalle ao seu homólogo de Ames a sinatura dun convenio de colaboración en materia de emerxencias e protección civil. Xosé Luis García explicou en Radio Obradoiro que a proposta "é unha das consecuencias dos brutais recortes que estamos padecendo por parte da Xunta, Deputación e goberno central". Segundo dixo, "este ano as subvencións do executivo autonómico reducíronse un 60% e o concello recibirá 6.000 euros menos ao mes do goberno central". Sinalou que os recortes "son brutais" e non teñen razón de ser". Engadiu por exemplo, que en materia deportiva, a Deputación reduciu as subvencións nun 98,5 por cento. García explicou que "se o Grumir non vai ser subvencionado o ano que vén, non vai poder prestar servizo fóra do concello". Segundo dixo, "a solución podería ser este convenio, para atender as necesidades nos concellos limítrofes como é Ames". A decisión, dixo, debe ser tomada "de maneira inmediata", antes de que chegue o 31 de decembro, cando o Grumir deixaría de facer actuacións fóra do termo municipal. Por iso, segundo sinalou, a vindeira semana o alcalde abordará este asunto nunha xuntanza con Santiago Amor.

0 comentarios:

Publicar un comentario