17 sept 2012

A Xunta destaca a labor imprescindible dos voluntarios de Protección Civil na nosa comunidade


A Estrada, 15 de setembro de 2012.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda destacou a labor dos voluntarios de Protección Civil na nosa comunidade, que suman máis de 10.000 persoas que de maneira desinteresada e altruísta colaboran na nosa sociedade ata o punto que se fan imprescindibles.

Alfonso Rueda participou hoxe nas I Xornadas Internacionais de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), que se desenvolverán na sede da Academia Galega de Seguridade Pública durante hoxe e mañá, e ás que asisten a directora da Escola Nacional de Protección Civil, Monserrat Castejón, e a presidenta da Asociación Nacional das Agrupacións de voluntarios de Protección Civil, Elvira Martínez.

As Xornadas teñen coma obxectivo visualizar o traballo da Protección Civil ante a sociedade, no eido da prevención, autoprotección, auxilio e apoio ás emerxencias, e da colaboración co benestar dos cidadáns; e tamén coma punto de encontro para os numerosos expertos en Protección Civil de toda España, Portugal, Francia e Italia que hoxe están na Estrada.

As AVPC levan traballando na comunidade galega dende fai 20 anos, pasando de 9 a 213 agrupacións e de 300 a case 10.000 voluntarios, e son un exemplo de implicación, profesionalidade, e coordinación, segundo destacou o conselleiro na súa participación nas Xornadas.

O máximo responsable das emerxencias na comunidade galega destacou a importancia de que estas Xornadas se leven a cabo na Academia, que se está a consolidar coma centro neurálxico da seguridade e das emerxencias en Galicia, e que dentro de pouco tempo acollerá ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, e que hoxe son punto de encontro para numerosos expertos en Protección Civil de toda España, Portugal, Francia e Italia.

Na mesma liña, Alfonso Rueda destacou que a Academia acolle a formación dos voluntarios de Protección Civil, coma dos bombeiros municipais e comarcais, policías locais, axentes forestais, persoal de seguridade privada e proximamente darán comezo por primeira vez os cursos destinados ao persoal sanitario no relativo ás situacións de risco que se podan atopar no seu traballo.

0 comentarios:

Publicar un comentario