6 abr 2011

O proxecto de colaboración entre Ames e Brión en materia de Emerxencias e Protección Civil e Policía local terá que volver ao Pleno


Era previsible que houbese un longo e extenso debate arredor do proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local e así foi. Este punto centrou boa parte da atención da corporación municipal no pleno ordinario de marzo, celebrado onte na Casa do Concello. Concretamente comezou a debaterse ás 21:30 horas e rematou á media noite, momento no que o alcalde levantou a sesión plenaria. Deste xeito, o acordo de colaboración en materia de seguridade non puido votarse e terá que volver ao Pleno. A pesar diso os tres grupos municipais deixaron clara a súa postura respecto a este asunto. Mentres o goberno municipal defendeu o convenio de colaboración dende os grupos municipais popular e nacionalista defenderon que este acordo "non beneficia o interese dos veciños/as de Ames". Anteriormente, aprobouse de xeito inicial os regulamentos de funcionamento das Escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, así como os regulamentos dos servizos complementarios (rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas).

O pleno ordinario do mes de marzo estivo marcado polo proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local. Antes de que o alcalde de Ames, Carlos Fernández, presentase este punto o grupo municipal nacionalista presentou unha emenda sobre este acordo. O concelleiro do grupo municipal nacionalista, José Ramón Arufe, explicou que "aínda que compartimos a filosofía de mancomunar servizos consideramos que a proposta de acordo para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local carece do rigor e do equilibrio necesario. Por ese motivo dende o grupo municipal do BNG de Ames propoñemos que os puntos 8 e 9 da orde do día queden encima da mesa á espera de que este Pleno conte cun informe detallado que especifique os custos que para o Concello de Ames ocasiona este acordo de fusión, así como un informe técnico do departamento de Policía local ao respecto das consecuencias que este convenio terían para a prestación do servizo".

A continuación o rexedor municipal comezou dicindo que "iniciamos este estudio ao abeiro dunha modificación que se fixo na lexislación estatal. Os principios inspiradores do proxecto son a colaboración como instrumento para poñer en marcha unha fórmula a través da cal se consegue dar valor engadido aos recursos xa existentes mediante a posta en común dos recursos existentes. Deste xeito os beneficios e resultados acadados serán superiores aos obtidos de maneiras independente".

O rexedor municipal recalcou que "nós entendemos que o acordo supón unha serie de melloras globais e específicas para cada un dos concellos. No caso de Brión habería unha mellora substancial na prestación do servizo da Policía local e no caso de Ames veríase beneficiado coa dispoñibilidade dun servizo de emerxencia e protección civil. Polo tanto obteríamos a mellora de recursos a custe cero e cunha optimización dos recursos existentes".

Para Fernández, "no momento actual de crise e dificultade económica, resulta especialmente relevante a posta en marcha, por parte dos Concellos de Ames e Brión, de fórmulas que permitan seguir prestando servizos, sen minoración do seu alcance e/ou calidade, e que sexan asumibles dende un punto de vista económico. Deste xeito, resulta máis necesario que nunca a potenciación do principio de eficiencia, potenciando a optimización dos recursos dispoñibles".

Optimización dos recursos dispoñibles
Nesta liña de eficiencia, a fórmula da colaboración entre as Administracións locais preséntase como un instrumento óptimo para poder afrontar a prestación de servizos públicos coa optimización de recursos dispoñibles, resultando especialmente adecuada para os momentos de crise e escaseza de recursos. A colaboración preséntase como unha fórmula que consegue dar valor engadido aos recursos xa existentes, mediante a posta en común dos mesmos, de tal xeito que os beneficios e resultados acadados sexan superiores aos obtidos de maneira singular e independente por cada un dos Concellos.

Un dos beneficios deste proxecto é a mellora na prestación e cobertura dos servizos sen necesidade de crear novas estruturas administrativas, así como a prestación efectiva e ordinaria dos servizos de Policía local e Protección Civil as 24 horas dos 365 días do ano, e na totalidade do territorio de ambos municipios. A mellora e reforzo dos servizos derívase da colaboración de ambos Concellos e a posta en común dos seus recursos e medios, aproveitando os enramados e mecanismos administrativos xa existentes, sen que se derive, polo tanto, sobrecarga administrativa.

Outro dos beneficios é o incremento dos recursos dispoñibles. Prodúcese un incremento cuantitativo de recursos dispoñibles para a prestación do servizo de Policía local, principalmente no que se refire a número de axentes e de vehículos, xa que os Concellos de Ames e Brión pasarán a dispor dun corpo de seguridade composto por 28 membros (un inspector, 3 oficiais e 24 policías).

Posicionamento dos grupos da oposición
Por parte do grupo municipal nacionalista interveu Olaia Alvite que comezou dicindo "o convenio que se presenta para que sexa aprobado por este Pleno é desequilibrado para Ames porque supón unha perda na calidade do servizo prestado pola Policía local. Non se pode presentar un proxecto de tal envergadura a dous meses de acabar o seu mandato". Ademais Alvite reproboulle ao alcalde que "dera conta deste proxecto nos medios de comunicación e despois llo presentase aos grupos da oposición e aos traballadores afectados".

Segundo a concelleira nacionalista "a pesar de que aumenta o número total de axentes baixa a ratio do número de axentes por cada 1.000 habitantes o que provoca unha merma do servizo para todos os cidadáns de Ames. Pasamos de atender unha extensión de 80 a 152 quilómetros cadrados. O aumento de territorio vai a supoñer un aumento do tempo de resposta da Policía local. Ademais este proxecto non presenta unha memoria económica financeira solvente que estea contratada cos servizos económicos do Concello. Deste xeito dende este grupo municipal non podemos facer un posicionamento a favor ou en contra da conveniencia deste convenio xa que non sabemos que gastos ou que aforro vai a supoñer este convenio para o noso concello".

O voceiro do grupo municipal popular, Santiago Amor, tampouco se mostrou a favor de aprobar este convenio de colaboración. "O que está claro é que a Ames non lle beneficia este convenio. A ratio de axentes por habitantes baixa. Iso provoca que os veciños de Ames salgan prexudicados e que haxa un perda de calidade neste servizo. Ademais tamén diminúe o tempo de resposta da Policía local. A realidade é que a Policía local terá que atender un territorio de arredor de 152 quilómetros cadrados e iso é inviable xa que os recursos dos que dispoñemos non son suficientes e os tempos de resposta non van a ser óptimos. Temos pensado votar que non porque é un proxecto que prexudica aos veciños de Ames e porque e un proxecto que non está equilibrado".

Posicionamento do grupo de goberno
O rexedor municipal respondeu a estas afirmacións dicindo que o proxecto de colaboración se presentou agora porque a modificación da lexislación estatal produciuse no mes de novembro de 2010. "Dende ese momento estivemos traballando os alcaldes de Ames e Brión na mesma dirección para poder realizar este estudio. Polo tanto non é un proxecto electoralista porque se abordou cando se puido levar a cabo". Sobre a memoria económica o rexedor municipal respondeu que "no estudio presentado figura unha descrición do aforro que suporá este convenio de colaboración para cada un dos concellos".

A posta en marcha deste proxecto supón un importante aforro económico para os dous Concellos. Tanto Ames como Brión terían que achegar un importe estimativo de 400.000 euros para dotar aos seus concellos dos medios e recursos necesarios para poder prestar este conxunto de servizo, con mínimas garantías, as 24 horas dos 365 días do ano.

En canto ás xuntanzas cos grupos da oposición Fernández indicou que o día 25 de febreiro comezamos a ter reunións cos grupos da oposición. "En todo caso quero que se saiba que dende o primeiro momento no que comezamos a traballar neste proceso convocamos aos grupos da oposición para falar deste proxecto e o profesor de dereito administrativo da USC, Xabier Ferreira, explicoulles este proxecto detalladamente aos tres grupos políticos. O mesmo proceso fíxose cos delegados sindicais do persoal funcionario, o mesmo día 28 de febreiro fíxoselle esta explicación e dóuselle unha copia do proxecto. O día 22 de febreiro tamén se convocou a secretaria, a interventora, o tesoureiro, o inspector da Policía local e á funcionaria que leva os temas de persoal do Concello. Neste caso tamén houbo unha ampla conversa co profesor Ferreira para falar das principais liñas sobre as que versa este estudio. Posteriormente tamén mantivemos unha reunión coa mesa xeral de negociación".

Finalmente non se puido votar nin a emenda presentada polo grupo municipal nacionalista nin os puntos 8 e 9 da orde do día que recollían o proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local porque á media noite o rexedor municipal levantou o Pleno. Deste xeito, segundo se regula no artigo 87 do Real decreto 2568/1986 de 28 de novembro polo que se aprobou o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais os temas que quedaron pendentes de tratar terán que ser incluídos na orde do día do seguinte Pleno que se convoque.

0 comentarios:

Publicar un comentario