31 ene 2014

14 concellos do rural de Galicia contarán este ano con cadansúa motobomba nova para a loita contra os incendios

A Consellería do Medio Rural e do Mar investiu preto de 2 millóns de euros na adquisición destes vehículos
Deste xeito, o departamento que dirixe Rosa Quintana contribúe á renovación o parque móbil de vehículos motobomba dos concellos
A Consellería do Medio Rural e do Mar mellora a eficacia do dispositivo contra os lumes coa entrega de 14 motobombas a diversos concellos galegos. A titular do departamento, Rosa Quintana, entregou esta mañá estes vehículos que se empregarán na extinción dos incendios forestais.
A responsable de Medio Rural e Mar fixo entrega dos novos vehículos no transcurso dunha visita que realizou á empresa Urovesa, na que tamén presenciou unha exhibición do funcionamento destes todoterreos.
A Consellería do Medio Rural e do Mar investiu preto de 2 millóns de euros na adquisición dos vehículos, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014. Cómpre salientar que os todoterreos cedidos son de dous tipos: 7 deles equipados con cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela e 7 equipados con cisterna de 2.400 litros e cabina dobre.
Este acto reflicte a importancia da colaboración institucional entre as diferentes administracións na loita contra un inimigo común, os incendios forestais. O Goberno galego confía no compromiso e a capacidade dos concellos, como administración máis pegada ao terreo, para a xestión de medios humanos e materiais na loita contra os lumes, uns medios que están integrados no dispositivo conxunto que se coordina baixo o mando único da Xunta.
Beneficiarios
Os concellos beneficiados da cesión das motobombas son: Becerreá, Brión, Castro Caldelas, Calvos de Randín, Forcarei, A Gudiña, Lalín, Manzaneda, Montederramo, Muíños, Mugardos, Palas de Rei, Sarria e Vilariño de Conso.

0 comentarios:

Publicar un comentario