8 feb 2013

O ALCALDE DE AMES VISITA XUNTO CO REXEDOR DE BRIÓN AS INSTALACIÓNS ONDE TERÁ A BASE O GRUPO DE EMERXENCIAS QUE DARÁ SERVIZO A AMBOS MUNICIPIOS

O alcalde de Ames, Santiago Amor, desprazouse esta mañá ata Brión para visitar xunto co rexedor deste municipio, José Luís García, a base na que traballa a día de hoxe o Grumir e na que se instalará o grupo de emerxencias supramunicipal (GES), formado por 12 persoas e que dará servizo a ambos municipios. O rexedor amiense, que estivo acompañado na visita pola concelleira de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde, puido coñecer da man do xefe de Protección Civil de Brión, Ismael Núñez, as instalacións e os medios cos que contan os traballadores deste grupo de atención ás emerxencias. Santiago Amor cualificou de “moi boa noticia” para os dous concellos a posta en marcha, en colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os concellos, deste grupo de emerxencias supramunicipal, que terá sede en Brión e dará servizo a Ames. O alcalde amiense subliñou que se trata dun paso máis na colaboración existente entre Ames e Brión, que nos últimos meses atopábanse en negociacións sobre a atención a emerxencias. Santiago Amor subliñou que, deste xeito, “quedamos cubertos nas intervencións máis inmediatas” e agradeceu, tanto á Fegamp como á Xunta de Galicia, “que tivesen en conta as particularidades e necesidades que presentan Ames e Brión en materia de emerxencias”. Pola súa banda, o alcalde de Brión destacou que “dispoñemos duns recursos técnicos e humanos de moito nivel e dunhas instalacións moi completas e ben situadas, pois están a carón da entrada e saída da autovía, o que lles facilita os desprazamentos”. Xosé Luís García espera agora que “a Xunta adiante todo o que poida a posta en marcha do servizo pois tanto Brión como Ames estamos totalmente de acordo”. Ambos rexedores coincidiron en destacar na importancia de ter un servizo de emerxencias 24 horas ao día, os 365 días do ano. Modernas instalacións O servizo de emerxencias e protección civil de Brión conta cunhas modernas instalacións situadas no paseo de Pedrouzos, a apenas 300 metros da rotonda de entrada e saída á autovía Santiago-Brión. Unha base operativa dotada da máis moderna tecnoloxía e equipamento que no 2009 foi ampliada grazas a un investimento de máis de 130.000 euros por parte da Xunta e que permitiu construír un edificio anexo que dá cabida ao amplo parque de vehículos cos que conta o operativo brionés. O parque móbil está composto por catro vehículos que en 2012 percorreron un total de 22.760 quilómetros. Tanto Santiago Amor como Xosé Luís García destacaron o completo equipamento da Bomba Urbana Lixeira (BUL), considerado o mellor camión de rescate e de primeira intervención que existe nos municipios da comarca de Santiago (só comparable cos que existen no parque comarcal de bombeiros de Compostela). Trátase dun gran camión de 9 toneladas, da marca Mercedes, con 240 cabalos de potencia e cun depósito especial que reduce a emisión de gases contaminantes e o converte nun vehículo ecolóxico. Ten capacidade para 2.000 litros de auga, é dicir, cinco veces máis que as tradicionais “pick-up”, e dispón dos máis avanzados equipos tecnolóxicos, como unha cámara térmica que permite localizar corpos humanos ou fontes de calor en calquera tipo de incidencias (o que resulta moi útil, por exemplo, á hora de localizar a unha persoa no medio dunha fumareda ou nun rescate nocturno). No casos dos lumes, dispón de 35 mangueiras (adaptables a calquera tipo de boca de rego), un extractor de fume, sete lanzas e dúas lanzas de espumóxeno (de baixa e media densidade), dous equipos de respiración autónoma, extintores de po e de CO2 e dispón dun premezclador para facer a espuma. De feito, o camión pode levar 200 litros de dispersante e outros 200 litros de espumoso. Para os casos de rescate, o vehículo conta completo equipo de excarceración, coxíns elevadores, inhibidores de corte, un kit de elevación, un equipo de oxicorte, equipo de rescate en altura e un completo xogo de ferramentas (radial, motoserra...). Ademais, dispón dun cabrestante cunha capacidade de arrastre de 5.400 quilos, un mastro hidráulico de elevación de 2.000 vatios e de escaleiras de encarte e de ganchos para accesos difíciles. Así mesmo, e para garantir a mellor atención posible aos feridos, o vehículo dispón dun completo set médico composto por unha camilla de palas, un equipo de osixenoterapia e tres collaríns. Outro dos vehículos destacados é a pick-up, que mesmo foi exposta no salón internacional de seguridade, vixianza e prevención de incendios (SICUR) polas súas características propias. De feito, o carrozado do vehículo de Brión non é estándar, senón que foi realizado seguindo as indicacións dos profesionais do servizo de emerxencias para facelo o menos voluminoso posible e ter así acceso a sitios estreitos ou de pouca altura. Ademais, dispón dunha gran capacidade para extinguir lumes debido á máquina de alta presión que leva instalada. Dúas características que o fan un vehículo moi atractivo e diferente ao empregado noutros concellos veciños.

0 comentarios:

Publicar un comentario