21 ene 2013

A Fegamp remite á Xunta o novo mapa de emerxencias tras a súa aprobación pola Comisión Executiva

O modelo pon fin aos “grumir” e establece un sistema supramunicipal de atención a emerxencias que se suma aos parques de bombeiros comarcais e das cidades. A Fegamp remitiu no día de hoxe á Consellería de Presidencia as súas alegacións á proposta para un novo mapa de emerxencias de Galicia presentado pola Xunta a finais do pasado mes de decembro. Faio despois de que a Comisión Executiva da Federación, reunido no día de onte, avalase o modelo de distribución e de financiamento, realizando unhas leves indicacións á Xunta para que sexan aclaradas antes da súa firma en próximas datas. A Executiva, a proposta do presidente, José Manuel Rey Varela, deu onte luz verde a un modelo que pon fin ao dos “grumir” existentes até o 31 de decembro de 2012, e que implantará unha cobertura global do territorio garantida a través dos novos grupos de emerxencias supramunicipais, os parques de bombeiros comarcais e os das sete cidades. Entre as novidades do modelo que a Fegamp avalou destaca un financiamento máis estable, na que participan tres administracións públicas: Xunta, as catro deputacións e os concellos. O goberno galego asumirá un 60% dos custos de persoal, os entes provinciais un 20% e as entidades locais o 20% restante. O novo modelo afonda na colaboración e cooperación entre concellos que defenden e impulsan Fegamp e Xunta, xa que os novos grupos de emerxencias non estarán vinculados a un único municipio, como maioritariamente ocorría cos “grumir”, senón que ampliarán o seu campo de actuación ás súas áreas de influencia. A Fegamp valorou que, na súa distribución dos distintos grupos, a Xunta estudase os tempos de resposta ante emerxencias para garantir que non existan zonas de sombra no territorio e os cidadáns, residan onde residan, teñan unha cobertura plena. Os prazos que manexan Fegamp e Xunta fixan a próxima primavera como data de inicio das actividades destes grupos de emerxencias supramunicipais. Igualmente, respecto da distribución inicial dos equipos e tras atender ás demandas dos alcaldes do catro provincias, a Fegamp expuxo leves modificacións do mapa, que espera sexan asumidas pola Consellería de Presidencia. “Cumprindo o Pacto Local” Para José Manuel Rey Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, “desde o ano 2006 tiñamos pendente dar este paso con respecto ao mapa de emerxencias, e é unha boa noticia porque significa seguir cumprindo o Pacto Local”. Neste documento xa se recollía a necesidade de profesionalizar o modelo de emerxencias en Galicia, acabando cun modelo como o dos “grumir” que “prorrogouse demasiado no tempo”, a xuízo de Rey Varela. O Pacto Local establecía, igualmente, a desaparición dos “grumires” naqueles concellos onde houbese parque comarcal de bombeiros, unha medida que xa se aplicará no novo mapa. “A modernización e actualización das emerxencias era unha prioridade para a Fegamp desde que eu tomei posesión”, engadiu, “e debo agradecer a disposición de todos os grupos representados na Executiva para alcanzar un acordo unánime, sen disputas políticas, que só pensa en garantir servizos para os nosos veciños”. Para Rey Varela, “a inestabilidade financeira do modelo anterior causaba graves prexuízos para os concellos, como nalgunha ocasión chegamos a denunciar, e por iso era fundamental que todas as administracións alcanzásemos este compromiso”. Era ademais un acordo “obrigado”, xa que “os fondos europeos que sostiñan os grumir acababan a finais de 2013, e non podiamos seguir perpetuando un modelo xa en fase terminal”. “Era necesario avanzar”, apostilou.

0 comentarios:

Publicar un comentario