26 ene 2012

Aberto o prazo para solicitar axudas para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil para o ano 2012

Contarán cun importe de 400.000 euros e as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Xunta ata o día 12 de febreiro.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, destinará 400.000 euros a subvencións para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), segundo vén de publicar no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Xunta ou a través da sede electrónica (https://sede.xunta.es) ata o día 12 de febreiro.

Poderán ser beneficiarias das axudas as agrupacións que estean inscritas -ou teñan solicitado a súa inscrición- no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil; que teñan dependencia dun concello ou mancomunidade de municipios; que, de ter recibido subvencións en anos anteriores, xustificasen o seu investimento e liquidación; que expresen o seu consentimento a facer públicos os datos referidos ás axudas recibidas; e que non ter pendente o pagamento de ningunha débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma, entre outros requisitos.

Destino das axudas
Neste sentido, as subvencións poderán ser investidas en equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipamentos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil; gastos ocasionados pola conservación e mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención; gastos de comunicación; pagamento de seguros; formación dos seus membros da Asociación, e equipamento e material informático.

Para a concesión destas axudas estudaranse unha serie de criterios de avaliación como son o número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias, maior rateo voluntarios segundo a poboación do concello, a existencia de riscos especialmente graves no concello -de acordo co establecido no Platerga e demais plans de protección civil-; e o emprego da lingua galega en todas as actividades educativas de prevención e nas publicacións e informacións sobre medidas de autoprotección dirixidas á poboación en xeral.

0 comentarios:

Publicar un comentario