23 nov 2011

Xunta e R poñen en marcha un servizo interactivo de información en emerxencias para a cidadanía


A aplicación permite ofrecer aos usuarios datos sobre situacións de emerxencias e avisos e alertas á poboación

O sistema é o primeiro paso para a posta en marcha dunha canle de emerxencias 112, para cuxo desenvolvemento asinouse hoxe un convenio de colaboración
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o director da división de empresas de R, Antonio Fernández Armas, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que se proxecta o desenvolvemento dunha canle de emerxencias 112 que permitirá ofrecer aos cidadáns numerosa información sobre avisos relacionados coas emerxencias.

De feito, a canle porase en marcha a partir dunha aplicación interactiva que estará operativa dende as vindeiras semanas e que xa permite ofrecer á poboación información de situacións de emerxencia e avisos á poboación relativos, entre outros, a fenómenos meteorolóxicos adversos, activacións de plans de emerxencias protección civil, recomendacións de seguridade para a poboación e información de tráfico.

A aplicación, da que hoxe se fixo unha demostración práctica, será o ensaio da futura canle televisiva interactiva, na que se ofrecerán todo tipo de contidos relativos a xestión de emerxencias en Galicia. Información útil para os cidadáns, segundo recordou hoxe o conselleiro, que agradeceu a colaboración de R para poder levar adiante un proxecto que permitirá incidir nunha maior prevención e nunha mellor comunicación ante as emerxencias.

De feito, co aplicación interactiva presentada hoxe xa será posible enviar aos usuarios avisos relacionados coas emerxencias, relativos por exemplo a alertas meteorolóxicas, estradas cortadas ou suspensión de clases nos colexios. Así, para casos de extraordinaria importancia os avisos chegarán a todos os televisores de R e os cidadáns recibirán unha mensaxe na súa pantalla sexa cal for a canle que estean vendo.

A maiores, os usuarios tamén poderán acceder a máis información segundo as súas preferencias e elixir aqueles datos que lles interesan, como os relativos ás incidencias rexistradas nun determinado ámbito xeográfico, sexa un concello ou unha provincia. Así mesmo, tamén poderán facer consultas de datos históricos e unha listaxe dos avisos dados ata o momento. A actuación forma parte dos compromisos de R no marco do Plan de Banda Larga da Xunta.

0 comentarios:

Publicar un comentario