6 feb 2013

Incendio sen feridos no Milladoiro

O lume, que se declarou na terraza dunha vivenda, foi extinguido polo servizo de emerxencias de Brión. Operarios do servizo de emerxencias de Brión extinguiron esta mañá un pequeno lume nunha terraza dunha vivenda na rúa Rosalía de Castro, no Milladoiro (Ames). Un lume orixinado nun segundo piso e que causou certa alarma pola cantidade de fume que produciu pero que se saldou sen feridos e con pequenos danos materiais na vivenda. O servizo de emerxencias de Brión recibiu o aviso do 112 ás 9:30 horas e dous dos seus operarios desprazáronse ata a rúa Rosalía de Castro coa Bomba Urbana Lixeira (BUL). Ata o lugar dos feitos trasladouse tamén a Policía Local de Ames e o 112 mesmo puxo en alerta ao servizo de bombeiros de Santiago, que finalmente non tivo que saír ante a rápida intervención do servizo de emerxencias brionés. A actuación pechouse ás 11:00 horas. Por outra banda, o servizo de emerxencias de Brión tamén actuou nesta pasada fin de semana nun accidente de tráfico que tivo lugar na rotonda de acceso á autovía Santiago-Brión. O sinistro tivo lugar ás 23:40 horas deste sábado 2 de febreiro, cando o condutor dun turismo perdeu o control do vehículo e chocou contra a rotonda central. Un sinistro que non causou feridos pero que motivou a actuación do servizo de emerxencias brionés para a limpeza da estrada e para o restablecemento do tráfico, para o que contou co apoio da Policía Local de Brión. A incidencia quedou pechada ás 1:00 horas do domingo.

0 comentarios:

Publicar un comentario